Vilanova das Frieiras, Pías, Zamora
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Castela e León | |||
Provincia | provincia de Zamora | |||
Concello | Pías | |||
Poboación | ||||
Poboación | 39 (2021) | |||
Xeografía | ||||
Altitude | 1.180 m | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 49580 | |||
Fuso horario | ||||
Código INE | 49154000300 | |||
Vilanova das Frieiras[1] (oficialmente en castelán Villanueva de la Sierra) é unha aldea do concello de Pías, na comarca de Seabra (provincia de Zamora). Segundo o INE, no ano 2012 tiña 59 habitantes.
A aldea
[editar | editar a fonte]A aldea discorre paralela ao regato Pontón, que divide o lugar. Vilanova das Frieiras posúe un pequeno núcleo de casas arredor da praza da Cruz, corazón da aldea, restaurada en 2010 pola Asociación Veciñal de Vilanova das Frieiras por 80.000 euros[2]. A igrexa principal é a parroquia de San Salvador, que está restaurada e mantén en perfecto estado de conservación o presbiterio e a espadana, rematada nun frontón e furada por un óculo[3]. Na praza da aldea atópase un exemplo de arquitectura tradicional: a Praza Casa Escola, unha estrutura de madeira e con teito de lousa ao ar libre, que servía antigamente para que os nenos da aldea recibisen clases dun mestre ou o cura[4]. O aspecto de Vilanova das Frieiras é similar aos demais lugares, vilas e aldeas das Frieiras e As Portelas, casas con teitos de lousa, fachadas brancas ou grises, e muros feitos en cachotaría.
A contorna
[editar | editar a fonte]O regato de Cadavais, ou regueiro da Veiga de Pontón, é o curso de auga sobre o cal se estende. A diferenza do resto do concello, que está no val do río Bibei, Vilanova, coma o resto da Terra das Frieiras está na vertente do río Douro, nunha contorna montañosa entre a serra Segundeira e a do Canizo, envorcada máis cara á provincia de Ourense ca ao resto das Portelas. Circundan a aldea montes como o Aguallal, o Terrón, o Carracedo, Pedra de Moura e As Touzas. As casas están espalladas pola lomba e baixan ata a zona do pequeno regato. A zona está ateigada de carballos, castiñeiros e fentos, e amais é rica en fontes mananciais. Hai numerosos carreiros para sendeiristas nos arredores que atraen a excursionistas de zonas lindeiras[5]. A situación xeográfica do concello de Pías, e polo tanto de Vilanova das Frieiras é de certo illamento con respecto ao resto de Seabra, pois sitúase no lado occidental da portela da Canda, o que a fai estar máis ligada a Galicia ca ao resto da bisbarra zamorana. De feito, os veciños tanto do concello de Pías coma de Porto, para ir á veciña Lubián ou a Pobra de Seabra, teñen que usar a estrada ZA-102, que pasa polo concello da Mezquita para conectar coa estrada nacional N-525.
En 2010, Pías e Vilanova das Frieiras rexeitaron incoporarse ao Parque Natural do Lago de Seabra e ao Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Xunta de Castela e León, pois consideraron que levaría consigo máis prohibicións e inconvenientes ca vantaxes. A veciñanza de Barxacova, a máis setentrional das tres aldeas do concello, si era favorable, porén, ningunha parte do termo municipal pertence ao Parque natural.[6].
Festas e cultura
[editar | editar a fonte]A principal festividade é a romaxe adicada ao San Salvador, na segunda fin de semana de agosto. O pobo de Vilanova das Frieiras xúntase para sacar en procesión o patrón e a Virxe da aldea con música de gaitas. Xeralmente acode a banda de gaitas da veciña Lubián. A festa atrae veciños das aldeas de toda a rodeada, tanto xabresas como ourensás. A cultura e lingua de Vilanova das Frieiras, coma no resto das Portelas é a galega.
Economía
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente os habitantes viviron do sector primario. Hoxe en día as principais fontes de ingresos proveñen da mina de cuarzo Leymon[7] e os muíños eólicos instalados no termo municipal. De feito, as obras da praza da Cruz fixéronse grazas ao xuros xerados por estas actividades económicas[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Costas González, Xosé Henrique. "A lingua galega no Eo-Navia, Bierzo Occidental, As Portelas, Calabor e o Val do Ellas: historia, brece caracterización e situación sociolingüística actual". pp. 27–28. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2021. Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 http://www.laopiniondezamora.es/comarcas/2010/06/11/vecinos-villanueva-sierra-invierten-ahorros-plaza/440674.html
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. Consultado o 24 de setembro de 2013.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2013. Consultado o 24 de setembro de 2013.
- ↑ http://www.sanabriacarballeda.com/quever/caminos/147-pias
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. Consultado o 24 de setembro de 2013.
- ↑ http://www.mtiblog.com/2010/09/mina-leymon-villanueva-de-la-sierra.html